"Santiago(é)tapas celebrará a súa décima edición do 2 ao 19 de novembro"

·       O concurso de tapas da cidade acumula máis de un cuarto de millón de tapas consumidas dende o seu nacemento no 2008. 

·       Os estabelecementos interesados en participar poderán inscribirse a partires da última semana de setembro.

 


A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, anunciaron as datas da décima edición do xa tradicional concurso de tapas da cidade, organizado conxuntamente por ambas entidades. Será do 2 ao 19 de novembro.

Santiago(é)tapas naceu no ano 2008 da man de Turismo de Santiago co obxectivo de convertirse nun evento de referencia para a promoción gastronómica da cidade. Naquela primeira edición a Asociación Hostelería Compostela participou como colaboradora do evento, nunha fórmula que se seguiu nas seguintes tres edicións.

No 2012, cando se celebrou a quinta edición de Santiago(é)tapas, a Asociación Hostelería Compostela encargouse de organizar directamente o concurso, contando con Turismo de Santiago como patrocinador institucional. Este modelo repetiuse durante tres edicións. 

No ano 2015 foi a primeira ocasión na que Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela organizaron conxuntamente o evento gastronómico máis importante da cidade, que neste tempo tense consolidado xa como un referente fundamental para a promoción turística da gastronomía de Compostela.

A edición deste ano de Santiago(é)tapas contará con múltiples novidades para celebrar o seu décimo aniversario. Unha delas é un cambio de imaxe. A nova imaxe do concurso parte da unión das cores corporativas de Turismo de Santiago, laranxa, e da Asociación Hostelería Compostela, Vermello, para amosar visualmente a unión entre ambas entidades na organización do evento.

Outra das novidades é que se modificará o Tapasporte. O concurso manterá o seu funcionamento básico, pero contará cun novo formato para ir completando as diferentes rutas do concurso. Este novo formato será máis lixeiro e máis parecido á Credencial dos peregrinos, respetando a idea orixinaria do concurso de facer un simil coas etapas do Camiño de Santiago.

Nesta edición do concurso tamén se fará un recordatorio das tapas gañadoras das edicións celebradas ata o momento, moitas das cales se teñen convertido xa en petiscos clásicos da gastronomía de Compostela.

¿Cuánto te gustó esta entrada?
Compártelo en:
¿Qué opinas?
Para comentar esta entrada debes estar registrado
Introduce tu usuario y contraseña aquí.