BASES DO CONCURSO
I Concurso de Tapas de Santiago de Compostela
Tapasporte & Curso de Formación en Tapas
Do 28 de xuño ao 13 de xullo de 2008
1. PRESENTACIÓN
O Concurso
SANTIAGO(é)TAPAS nace co fin de impulsar o turismo enogastronómico en Santiago de Compostela. Dentro do mesmo, inclúense dúas accións que formarán os piares básicos deste evento, máis unha acción formativa complementaria. Estes son:
- I Concurso de Tapas de Santiago de Compostela. Celebrarase do 28 de xuño ao 13 de xullo de 2008. En función do grao de éxito desta primeira edición do concurso estudarase a posibilidade de determinar a súa celebración con carácter anual.
- O Tapasporte. Auténtico dinamizador e ferramenta de marketing fundamental para dinamizar a cidade e involucrala no mundo das tapas: “Gaña a Compostela de Tapas”.
- Curso de Formación en Tapas. Como reforzo ao anterior, e co fin de permitir que os estabelecementos participantes poidan afondar no mundo das tapas e coñecer experiencias doutros lugares, ofreceráselles a posibilidade de participar neste curso, a celebrar uns días antes do inicio do propio Concurso, e que será impartido por dous dos máximos representantes das tapas a nivel estatal.
2. INSCRICIÓNS NO CONCURSO DE TAPAS - CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN
- Poderán participar no concurso todos aqueles estabelecementos de hostalaría estabelecidos no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas.
- Deberán inscribirse, para tal fin, entre o 28 de maio e o 15 de xuño, a través dun dos seguintes medios: 1. enviando por correo ou fax ou levando persoalmente a folla de inscrición á Secretaría Técnica do Concurso en horario de oficina (Rúa do Pombal, 35 - baixo. 15705. Santiago de Compostela. Tel: 981 93 53 45 – 981 56 91 94, Fax: 981 59 11 71 Correo-e: etapas@santiagoturismo.com. Horario: 09.00 a 14.00 e 16.00 a 19.00 horas) ou a través da web específica (www.santiagoetapas.com). Xunto coa folla de inscrición entregarán tamén a ficha/s técnica/s, cumprimentada para cada unha das tapas presentadas.
- Cada estabelecemento poderá presentar ao concurso un máximo de 3 tapas. As tapas presentadas deberán figurar na oferta habitual do estabelecemento como mínimo durante os días de celebración do concurso (do 28 de xuño ao 13 de xullo), exceptuando os días oficiais de peche do estabelecemento. O prezo de venda ao público deberá oscilar entre un mínimo de 0,50€ e un máximo de 3€ .
- Co fin de axilizar o traballo dos membros do xurado, a organización estabelece o número de estabelecementos participantes nun máximo de 50, inscritos por rigorosa orde de inscrición. A organización resérvase o dereito a aumentar o nº de participantes en función da demanda.
- Todos os estabelecementos están obrigados a presentar fotografías das tapas presentadas ao concurso no prazo de dous días despois do peche do prazo de inscrición. A organización porá un fotógrafo gratuíto a disposición dos estabelecementos para tal fin.
- Os estabelecementos participantes deberán:
- Encher e cumprimentar a folla de inscrición e as fichas técnicas das tapas presentadas.
- Colaborar en todas as accións de comunicación, prensa e relacións públicas do evento.
- Selar a todos os clientes que o precisen, co seu correspondente selo na súa ruta do Tapasporte (ver apartado 6 destas Bases), logo de consumir a tapa específica do concurso e ter votado. O selo do concurso, no que figurará o nome de cada estabelecemento, será facilitado pola organización.
- Dispor e ofrecer as tapas presentadas a concurso dentro da oferta habitual do estabelecemento durante os días de celebración do mesmo (do 28 xuño ao 13 de xullo), exceptuando os días oficias de peche do estabelecemento, que deberán ser detallados na ficha que se xunta. Pasado o concurso, as tapas presentadas poderán seguir formando parte da oferta de cada estabelecemento.
- O prezo de venda das tapas presentadas a concurso será o acordado coa organización na folla de inscrición e a ficha técnica correspondente e oscilará, como figura anteriormente, entre 0,50€ e 3€.
- Exhibir nun lugar visíbel, tanto no interior como no exterior, o distintivo que identificará aos estabelecementos participantes no concurso SANTIAGO(é)TAPAS.
- Colocar, nun lugar visíbel e accesíbel, a urna deseñada ao efecto, na que o público depositará os votos que lle outorga a cada tapa.
- Dentro do estabelecemento, indicar e diferenciar de maneira visíbel na súa oferta as tapas que participen no concurso.
- Os estabelecementos participantes estarán obrigados a manter a súa oferta durante o período de vixencia do concurso, exceptuando os días oficiais de peche do estabelecemento, que deberán ser precisados na ficha de inscrición.
- Dar un informe final do número de tapas vendidas e colaborar coa enquisa de valoración do evento que se realizará co fin de realizar propostas de mellora para as posíbeis futuras edicións do mesmo.
- É motivo de expulsión do concurso o incumprimento dalgunha das normas aquí estabelecidas.
- Os datos recollidos, conforme o previsto na Lei Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de Carácter Persoal, no formulario de inscrición serán incluídos nun ficheiro de uso temporal cuio responsable é Información e Comunicación Local S.A., con CIF A-15.683.477, e que será destruído á finalización do concurso. A finalidade desta recollida de datos de carácter persoal é exclusivamente a participación no sorteo dunha viaxe para dúas persoas ao Fòrum Gastronòmic de Girona 09.
3. PREMIOS DO CONCURSO DE TAPAS
Entre todas as tapas presentadas a concurso, o xurado elixirá unha tapa gañadora para cada un dos seguintes premios:
- Premio do Xurado* “Mellor Tapa 08”. Independentemente das características da mesma (tradicional ou creativa), o xurado decidirá cal é a mellor tapa, a número 1.
- Premio do Xurado* “Tapa Tradicional 08”, á tapa inspirada na tradición gastronómica de Galiza elaborada con produtos galegos e de calidade recoñecida.
- Premio do Xurado* “Tapa Creativa 08”, á tapa orixinal elaborada con produtos galegos pero con técnicas, presentación e combinacións innovadoras.
- Premio do Xurado* “Galicia Calidade”, á tapa elaborada con produtos galegos que mellor contribúa á súa posta en valor.
- Premio do Xurado* “Estrella Galicia: mellor maridaxe Tapa de Cervexa”, á tapa que mellor combine coa cervexa Estrella Galicia.
- Premio do Público 08, á tapa máis votada polos clientes dos estabelecementos participantes, que emitirán o seu voto mediante o sistema que se describe máis adiante.
*Os premios do xurado son excluíntes entre si: non poderán concorrer na mesma tapa.
Contía dos premios
PREMIOS DO PÚBLICO
- O premio á mellor Tapa do Público 08 será entregado a aquela tapa escollida por votación popular. Gañará este galardón a tapa máis votada polos consumidores. As votacións poderanse realizar nas urnas entregadas aos estabelecementos participantes. Os cupóns para votar serán os pousavasos oficiais do concurso, que se distribuirán para a ocasión (Anexo III).
- O prazo para votar comezará o 28 de xuño e rematará o 13 de xullo, coincidindo coas datas de inicio e final do concurso.
- O premio Tapa do Público 08 estará dotado de 1.000 € máis diploma e regalo.
- O día 14 de xullo, luns, ás 18 horas na Oficina Central de Turismo de Santiago (Rúa do Vilar, 63), a organización recollerá os votos depositados nas urnas dos estabelecementos participantes, procedendo ao seu reconto. O gañador do premio Tapa do Público será o estabelecemento que obteña a maior puntuación media. En caso de empate entre dous ou máis estabelecementos, este será resolto por sorteo aleatorio ante notario na Gala de entrega de premios, que se celebrará o mércores 16 de xullo ás 19 horas no Hotel AC Palacio del Carmen.
- Por outra banda, todas as persoas que voten a súa tapa favorita entrarán no sorteo dun premio consistente en dous billetes de avión de ida e volta da Compañía Air Berlin a calquera destino europeo ao que opere e con destino ou orixe nunha cidade española. Validez ata o 16 de xullo de 2009 (Datas excluídas: 15/06/08 a 15/09/08, 25/10/08 a 05/11/08, 20/12/08 a 06/01/09 e 07/04/09 a 16/04/09). O sorteo realizarase ante notario.
- SORTEO: Sorteo realizado ante notario na Gala de entrega de premios, que se celebrará o día 16 de xullo, ás 19h, no Hotel AC Palacio del Carmen. Entrarán no sorteo todos os votos correctamente cubertos (ver ANEXO III), emitidos e depositados nas urnas situadas nos estabelecementos participantes entre o día 28 de xuño e o 13 de xullo de 2008. Resultará gañador o titular do pousavasos extraído aleatoriamente ante notario por unha man inocente. No mesmo acto procederase a extracción doutros dous pousavasos en concepto de suplentes, para o caso de non resultar lexible ou se nun prazo máximo de 30 días non se recibe confirmación da aceptación do premio proceder a unha nova adxudicación. O premio será comunicado mediante chamada telefónica e correo electrónico nos que se detallará os pasos a seguir para a súa consecución. A organización resérvase o dereito de modificar as bases do concurso, parcial ou totalmente, en calquera momento, previo aviso. Así mesmo, resérvase tamén o dereito a anulalo, deixar o premio deserto ou revogalo en caso de detectarse algunha irregularidade. Os premios obxecto de sorteo non serán acumulables entre si.
- DATOS: Os datos recollidos, conforme o previsto na Lei Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de Carácter Persoal, no pousavasos de votación serán incluídos nun ficheiro de uso temporal cuxa responsable é Información e Comunicación Local S.A., con CIF A-15.683.477, e que será destruído á finalización do concurso. A finalidade desta recollida de datos de carácter persoal é a participación no sorteo dun premio consistente en dous billetes de avión da Compañía Air Berlín a calquera destino europeo ao que opere e con destino ou orixe nunha cidade española.
PREMIOS DO XURADO OFICIAL
- O premio á Mellor Tapa 08, a número 1, consistirá en dúas páxinas de publicidade en dous medios locais de prensa escrita (valorados en máis de 1.500 €), seguindo os criterios gráficos da organización, unha dotación económica de 1.000 €, máis diploma e regalo.
- O premio á mellor Tapa Creativa 08 estará dotado economicamente de 1.000 €, máis diploma e regalo.
- O premio á mellor Tapa Tradicional 08 consistirá nunha dotación económica de 1.000 €, máis diploma e regalo.
- O Premio “Galicia Calidade” consistirá nunha dotación económica de 500 €, máis diploma.
- O Premio “Estrella Galicia” consistirá nunha viaxe a Praga para dúas persoas (dúas noites / 3 días en réxime de AD. Voo dende Santiago).
Entre todos os estabelecementos participantes sortearase unha viaxe para dúas persoas ao Fòrum Gastronòmic de Girona 09, que se celebrará entre o 22 e o 25 de febreiro de 2009. A viaxe inclúe: 2 billetes de avión ida e volta Santiago-Barcelona, a estadía en hotel de 4 estrelas (4 días 3 noites máximo) e dúas credenciais como congresistas. O sorteo realizarase ante notario durante a Gala de entrega de premios, que se celebrará o día 16 de xullo, ás 19h, no Hotel AC Palacio del Carmen, entre todos os estabelecementos inscritos no I Concurso de Tapas de Santiago de Compostela SANTIAGO(é)TAPAS. Resultará gañador o titular do estabelecemento elexido aleatoriamente polo notario. No mesmo acto procederase a elección doutros dous estabelecementos en concepto de suplentes, para o caso de non recibir confirmación da aceptación do premio nun prazo máximo de 30 días proceder a unha nova adxudicación. O premio será comunicado mediante carta certificada na que se detallará os pasos a seguir. A organización resérvase o dereito de modificar as bases do concurso, parcial ou totalmente, en calquera momento, previo aviso. Así mesmo, resérvase tamén o dereito a anulalo, deixar o premio deserto ou revogalo en caso de detectarse algunha irregularidade.
4. FUNCIONAMENTO DO XURADO
O concurso celebrarase do 28 de xuño ao 13 de xullo (2 semanas, 17 días, 3 fins de semana) e constará de 2 fases eliminatorias.
Contará con dous xurados diferenciados, encargado o primeiro da selección das tapas finalistas e o segundo da selección das tapas premiadas entre as que cheguen á final.
XURADO DE SELECCIÓN.
- O xurado de selección estará composto por varios grupos de 4-5 persoas que se encargarán de xulgar as tapas incluídas nunha das etapas que se definan. Haberá tantos grupos como etapas.
- O xurado de selección actuará durante os dez primeiros días do concurso, do 28 de xuño ao 7 de xullo ambos incluídos. Se fora preciso, por un elevado número de establecementos participantes, o tempo de traballo do xurado de selección podería ampliarse un ou dous días máis.
- Sempre que sexa posible, en función do número de establecementos a visitar e número de tapas a xulgar, cada grupo do xurado realizará o seu traballo nunha única sesión (mediodía ou noite). Cando non sexa posible realizárase en dúas sesións.
- Cada membro do xurado contará coa ficha das tapas a xulgar, compostas do nome da tapa, fotografía, ingredientes, descrición da receita e prezo de venda, que lle permitirá facerse unha idea da tapa antes de degustala. A tapas estará previamente clasificadas por parte da organización en dous grupos: tradicionais e creativas.
- O xurado non se identificará como tal nos establecementos que visite, procurando manter o anonimato con fin de conseguir o mesmo trato que o público en xeral.
- Unha vez realizada a cata de cada tapa, os membros do xurado, de maneira individual, encherán unha ficha na que valoren de 0 a 5 (mínima puntuación 0, máxima 5) os seguintes aspectos: presentación, elaboración e sabor da tapa, relación calidade prezo. Na ficha figurarán o nome da tapa e do establecemento.
- Rematada cada sesión de traballo, os membros do xurado entregarán ao coordinador do mesmo tódalas fichas debidamente completadas, nas que figurará o nome do membro do xurado e a súa sinatura.
- Unha vez completadas tódalas sesións de traballo dos diferentes grupos do xurado de clasificación procederase á suma das puntuación outorgadas a cada unha das tapas e confeccionaranse dous listados ordenados de maior a menor puntuación: un para as incluídas na categoría tapa tradicional e outro para a categoría tapa creativa.
- As nove tapas de cada categoría que obteñan maior puntuación pasarán á fase final.
Cada un dos grupos do xurado de clasificación estarán formados por catro persoas como mínimo: o coordinador do xurado (Miguel Vila), un membro da organización e dúas persoas alleas á organización relacionadas como mundo da gastronomía: xornalistas, cociñeiros, hostaleiros, bloggers...
XURADO FINALISTA
- O xurado finalista estará composto por un único grupo de polo menos seis persoas entre as que estará o coordinador do xurado, un representante da organización e outras catro persoas representantes do mundo da gastronomía e a hostalería.
- O xurado finalista actuará durante os dous últimos días do concurso.
- Como no caso do xurado de clasificación, cada membro do xurado disporá da ficha de cada unha das 18 tapas finalistas e deberá valorar as mesmas cuestións: presentación, elaboración e gusto, relación calidade prezo.
- Unha vez que o xurado realice a cata de tódalas tapas participantes, reunirase co fin de proceder á suma das puntuacións outorgadas e, se fora preciso, o debate e discusión necesarios para acadar a unanimidade dos membros do xurado respecto dos premios a outorgar:
- O premio Mellor Tapa será outorgado á que reciba a maior puntuación de entre as 18 tapas finalistas, sexa cal sexa a categoría á que pertenza. Quedará excluída dos premios Tapa Tradicional e Tapa Creativa
- O premio Tapa Tradicional será outorgado á tapa que reciba a maior puntuación de entre as desta categoría.
- O premio Tapa Creativa será outorgado á tapa que reciba a maior puntuación de entre as desta categoría.
- O premio Tapa “Galicia Calidade” será outorgado á tapa elaborada con produtos galegos que mellor contribúa á súa posta en valor, podendo ser de calquera das dúas categorías.
- O premio Tapa “Estrella Galicia”, será entregado á tapa que mellor combine coa cervexa Estrella Galicia, podendo ser de calquera das dúas categorías.
5. RUTAS OU (é)TAPAS
- Serán (é)TAPAS do Tapasporte aquelas configuradas por un mínimo de 6 estabelecementos relativamente próximos entre si, de forma que poidan formar parte dunha mesmo itinerario ou ruta ((é)TAPA). As zonas que non cumpran este requisito de contar polo menos con 6 estabelecementos participantes non poderán ser consideradas (é)TAPAS do Tapasporte. A organización do Concurso será a responsábel de deseñar as rutas ou (é)TAPAS en función da distribución espacial dos estabelecementos participantes.
- A organización fixou cinco rutas ou (é)TAPAS, identificadas cada unha por unha cor, nas que se reparten os estabelecementos participantes:
(é)TAPA 1 – Praza do Obradoiro – amarelo
1.Negreira “ O Pataca “
2.Airas Nunes
3.Los Caracoles
4.O Celme do Caracol
5.A Taberna do Bispo
6.El Patio
7.Casa Rosalía Vinos y Tapas
8.Ángel
9.Acio
10.Caamaño Bar
(é)TAPA 2 – Praza de Cervantes – verde
1.Garum
2.Bicoca
3.Agarimo
4.Ké Komer
5.Tránsito dos Gramáticos
6.Lizarrán
7.A Tafona do Peregrino
(é)TAPA 3 – Praza de Galicia – azul
1.Green
2.Cervecería Internacional
3.Caney
4.La Marmita
5.Jamonería Ferro
6.La Codorniz
7.En Blanco y Negro
8.Reno Cervecería
9.Descorche Vinoteca-Restaurante
(é)TAPA 4 – Praza Roxa – vermello
1.Barrigola
2.Madam Ragú
3.A Colleita
4.Bokados Tapería
5.Vivacce
6.A Viña de Xabi
7.Tapería Castelao
8.Atalaya
9.Central Perk
10.GH Santiago
(é)TAPA 5 – Camiño Francés – violeta
1.Pedra Santa
2.La Bodeguilla de San Lázaro
3.Mesón de Lázaro
4.Casa do Brasil
5.Dos Eles
6.Merlego
7.A Caldeira de Pedro Boteiro
8.La Barrika
9.Casal do Cabildo
6. O TAPASPORTE - CONDICIÓNS DE USO DO TAPASPORTE
- É persoal e intransferíbel. Para que o Tapasporte sexa válido deberán cubrirse todos os datos persoais que se solicitan. Non será válido aquel Tapasporte que non estea debidamente cumprimentado (ANEXO IV).
- O Tapasporte poderá recollerse na oficina de Praza de Galicia, de 12 a 15 e de 17 a 21 horas todos os días, ou nos estabelecementos adheridos ao concurso SANTIAGO(é)TAPAS.
- Para poder optar aos premios ou incentivos do Tapasporte, deberán de estar selados por todos os estabelecementos adheridos a unha ou máis das rutas ou (é)TAPAS.
- O período de vixencia do Tapasporte será o da duración do concurso: do 28 de xuño ao 13 de xullo.
- O estabelecemento estará obrigado a selarlle a súa credencial ao usuario, unha vez que o cliente consuma a tapa ou tapas do concurso.
Incentivos para os usuarios do Tapasporte
Os usuarios do Tapasporte poderán optar a unha serie de premios co obxecto de dinamizar aínda máis esta iniciativa. Os premios son:
- Por completar 1 Ruta:os primeiros 500 posuidores do Tapasorte que o presenten debidamente cumprimentado, e selado por todos os establecementos de 1 (é)TAPA recibirán gratuítamente un exemplar da Guía Gastronómica editada por Turismo de Santiago e terán dereito a gozar gratuitamente de calquera das visitas guiadas Walking Tours* (Tour Gastronómico, Tour Nocturno, Visita guiada aos Conventos de Clausura, ás Igrexas, á Arquitectura Contemporánea, á Cidade Histórica en Inglés e Audioguías mp3) promovidas por Turismo de Santiago.
(*) As visitas deberán ser solicitadas durante a duración do concurso, non sendo válida a oferta despois do 15 de xullo, e sempre suxeitas á dispoñibilidade e horarios das mesmas.
- Por completar 2 Rutas:os primeiros 500 posuidores do Tapasporte que o presenten debidamente cumprimentado, e selado por todos os establecementos de 2 (é)TAPAS, terán dereito a un regalo seguro, a elexir entre:
- cheque de compra por valor de 10€ para unha cadea de supermercados (150 cheques).
- botella de Magnum Viña Costeira envasado especial de 1,5 l. (50 unidades).
- camiseta do evento (300 unidades).
- Por completar 3 Rutas: os primeiros 50 posuidores do Tapasporte que o presenten debidamente cumprimentado, e selado por todos os establecementos de 3 (é)TAPAS, terán dereito a un regalo seguro consistente nunha botella de Magnum Viña Costeira envasado especial de 3 l.
- Por completar Todas as Rutas: os primeiros 5 posuidores do Tapasporte que o entreguen debidamente cumprimentado e selado por todos os establecementos de TODAS AS (é)TAPAS ou rutas, obterán un premio directo consistente nunha pantalla LCD de 19" marca AIRIS con TDT integrado.
- Os seguintes posuidores dun Tapasporte cumprimentado con todos os selos dos estabelecementos adheridos de TODAS AS (é)TAPAS ou rutas (a partir do sexto) pasarán a formar parte dunha lista e entre eles se realizará un sorteo de outras 5 pantallas LCD de 19” marca AIRIS con TDT integrado. O sorteo realizarase ante notario.
SORTEO: Sorteo realizado ante notario na Gala de entrega de premios, que se celebrará o día 16 de xullo, ás 19h, no Hotel AC Palacio del Carmen. Entrarán no sorteo todos os posuidores dun tapasporte cuberto con todos os selos de todos os estabelecementos participantes no concurso e os datos persoais do posuidor (ver ANEXO IV). Só unha participación por persoa. Os tapasportes serán validados e anulados na oficina de SANTIAGO(é)TAPAS (Praza de Galicia) entre o 28 de xuño e o 15 de xullo de 2008, e os seus posuidores pasarán a formar parte dun listado do que serán elixidos polo notario os 5 premiados e outros cinco titulares de tapasportes en concepto de suplentes, para o caso de non resultar lexible ou se nun prazo máximo de 30 días non se recibe confirmación da aceptación do premio proceder a unha nova adxudicación. O premio consiste en 5 pantallas LCD de 19” marca AIRIS con TDT integrado. O premio será comunicado mediante carta certificada na que se detallará os pasos a seguir para a recepción do premio. A organización resérvase o dereito de modificar as bases do concurso, parcial ou totalmente, en calquera momento, previo aviso. Así mesmo, resérvase tamén o dereito a anulalo, deixar o premio deserto ou revogalo en caso de detectarse algunha irregularidade. Os premios do sorteo non serán acumulables entre sí.
DATOS: Os datos recollidos, conforme o previsto na Lei Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de Carácter Persoal, no tapasporte serán incluidos nun ficheiro de uso temporal cuxa responsable é Información e Comunicación Local S.A., con CIF A-15.683.477, e que será destruido á finalización do concurso. A finalidade desta recollida de datos de carácter persoal é a participación no sorteo de cinco pantallas LCD de 19” marca AIRIS con TDT integrado.
- Por completar 1 Ruta ou máis: os posuidores do Tapasporte que o presenten debidamente cumprimentado, e selado por todos os establecementos de 1 (é)TAPAS en adiante terán dereito a participar nun curso de cata* a cargo do enólogo titular da Bodega Viña Costeira, Manuel Castro.
(*) As prazas serán cubertas por orde de inscrición ata completar o aforo (75 prazas). Os cursos terán lugar os días 14, 15 e 16 de xullo, entre as 19.00 e as 21.30 h. Lugar: Salón Xacobeo do Parador Hostal dos Reis Católicos (Praza do Obradoiro, s/n).
- A validación dos Tapasportes presentados realizarase no mostrador de SANTIAGO(é)TAPAS situado na oficina da Praza de Galicia, de 12 a 15 e de 17 a 21 horas todos os días, durante o período de vixencia do concurso (do 28 de xuño ao 13 de xullo).
7. CURSO DE FORMACIÓN EN TAPAS
Previo á celebración do concurso realizarase un curso de formación específico sobre tapas que será impartido por dous dos máximos representantes do mundo das tapas a nivel estatal, con ben estilos diferenciados, co fin de dar unha perspectiva a máis ampla posíbel que vaia da tradición á innovación.
Este curso, aberto a todos aqueles estabelecementos hostaleiros que o desexen, realizarase a tarde do luns 16 de xuño en dúas sesións consecutivas pero independentes entre si, de xeito que os interesados poidan elixir asistir a só unha, ou ás dúas sesións. Prazas limitadas: 30 prazas por sesión. Terán preferencia aqueles estabelecementos que previamente se inscribiran no concurso
SANTIAGO(é)TAPAS. O curso ten un custe de 20€ por unha sesión e 30€ por dúas sesións. O pagamento deberá ser realizado a través de transferencia bancaria ao número de conta de Caixa Galicia 2091-0375-86-3040011661, co concepto: “CURSO TAPAS”.
Data:16 xuño 2008
Lugar:CIFP Compostela (Centro Integrado de Formación Profesional – Lamas de Abade)
Programa:
Xornada composta de dúas sesións demostrativas con dous estabelecementos de referencia da Cociña das Tapas en España. Cociñeiros empresarios que tratarán, ao tempo que cociñan, temas tan diversos como:
- Proceso creativo na conceptualización dunha Tapa
- Organización e loxística dunha barra e dunha cociña especializada nas Tapas
- Prezos, marxes de comercialización, exposición das tapas…
Horario:
SESIÓN 1:17 a 18.30 horas
Edorta Lamo e Íñigo Cojo. A Fuego Negro (San Sebastián). www.afuegonegro.com
Un bar innovador, repleto de atrevidos detalles e situado en pleno casco vello de San Sebastián. Unha revelación gastronómica de máxima actualidade, onde se serve unha larga lista de pintxos doces e salgados, creativos e orixinais, cunha especial atención ao mundo do viño.
SESIÓN 2:19 a 20.30 horas
Paco Guzmán. Restaurante Santamaría (Barcelona). www.santamania.biz
Restaurante pioneiro, de referencia e de éxito, da cociña en miniatura no barrio do Borne de Barcelona. Ambiente xove e desenfadado, onde se ofrecen extraordinarias preparacións feitas con produtos de orixe moi diversa (lentellas, arroces, especias) que se renovan constantemente.
8. ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS
O fallo do xurado darase a coñecer na cerimonia ou GALA de entrega de premios, o día 16 de xullo de 2008, ás 19.00h, no Hotel AC Palacio del Carmen, e será inapelábel. Durante este acto contarase coa asistencia de estabelecementos participantes, autoridades e medios de comunicación.

Descargar Hoja Inscrición en PDF
Descargar Hoja Inscrición en Word (doc. executábel)
Descargar Ficha Técnica en PDF
Descargar Ficha Técnica en Word (doc. executábel)